Saturday 04 de May de 2024

O alumnado de Infantil e Primaria do CPI Cernadas de Castro participa nos obradoiros de igualdade do programa Lousame Coeduca


O alumnado da ESO participará nos talleres programados para a próxima semana polo Concello e a Secretaría Xeral da Igualdade

O alumnado de Infantil e Primaria do CPI Cernadas de Castro participou durante esta semana nos obradoiros do programa Lousame Coeduca, posto en marcha polo Concello de Lousame e a Secretaría Xeral da Igualdade para sensibilizalos en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero. O alumnado da ESO sumarase aos obradoiros durante a próxima semana polo que, cando finalice, o Lousame Coeduca terá chegado a un total de 325 alumnos e alumnas, de entre 3 e 16 anos, do CPI Cernadas de Castro de Lousame a través de sete obradoiros de estereotipos, corresponsabilidade, emocións, cine, teatro, baile e radio en igualdade.

A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, explica que “Lousame Coeduca inclúe actividades dirixidas á poboación infantil e xuvenil para favorecer a coeducación e a promoción da igualdade de oportunidades. O noso obxectivo é fomentar a desaparición dos roles e estereotipos de xénero, da violencia sexual e do uso non axeitado da Internet e das novas tecnoloxías”.

Así, catro dos obradoiros buscan erradicar estereotipos e previr a violencia de xénero, ao tempo que promoven a igualdade e a resolución pacífica dos conflitos. Contan cunha parte lúdica, no que se empregan instrumentos como o cine, o teatro, o baile ou a radio; pero tamén con outra parte pedagóxica para promover a creatividade, a comunicación e a interpretación.

Un dos obradoiros máis atractivos é o da Radio Coeducativa, no que o alumnado asistente gravará un programa para promover a igualdade con novas, tertulia e presentación en director. Silvia Agrafojo agradece a colaboración do profesorado do CPI Cernadas de Castro e adiante que “se editará o obradoiro de radio completo en formato mp3 como actividade de escoita para o alumnado e para o resto da cidadanía de Lousame”.